La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En alemán, a palabra Schwammerl designa un cogomelo pequeno. Precisamente ese era o nome polo cal algúns amigos coñecían ao músico Franz Schubert, que non medía máis alá do metro e medio e tiña un aspecto achaparrado, cabezudo e rebolo. No enterro de Beethoven, no que el axudou a portar a caixa, esta ía completamente escorada do seu lado. A estatura, como é lóxico, veulle imposta pola natureza, pero os quilos sobrantes gañounos a pulso en festas e francachelas nocturnas.  Era un gran comellón.

Ese individuo pándigo e divertido, charlatán e noctámbulo, compuxo, non obstante, algunhas das obras musicais máis fermosas de cantas se levan creado ao longo da historia da humanidade. Moitas delas mesmo chegaron a ser populares entre toda clase de públicos, como a famosa Ave María, tantas veces repetida en cerimonias relixiosas de todo tipo, de maneira especial nas vodas.

Agora, nunha diocese italiana acaban de prohibila co pretexto de que se trata de música profana, pouco adecuada para ser interpretada nun templo. Unha decisión certamente audaz, polémica e arriscada, que esperamos non se estenda por contaxio nin se trate de levar aos límites que demandaría a coherencia. De ser así, pronto veriamos os partidarios da nova doutrina, rigorosa e puritana, armados de mazos e piquetas, dispostos a arrastrar cunha parte non pequena das obras de arte que se gardan nas igrexas. Empezando polo Vaticano.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xaneiro de 1993.