La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai unha novela de Heinrich Böll, intelixente e divertida, na que un individuo ten a facultade de percibir o alento da xente a través do teléfono. Desta maneira, mentres conversa cos seus interlocutores por ese medio, o personaxe sabe con total seguridade se a boca lles cheira a allo, por exemplo, ou se, polo contrario, lles arrecende ao aroma agradable de calquera dentífrico quimicamente perfumado. Non recordo moito máis daquela novela do escritor alemán, pero ese detalle simpático téñoo moi vivo na memoria.

Acordeime disto onte pola mañá, cando ía no coche oíndo na radio a un deses insultadores que hai agora nas emisoras de Madrid e que tinguen coa color amarela da bile a luz primeira do día, tan agradable, por outra parte, se un non escoita estas cousas. Non sei por que, pareceume que o insultador tiña voz de úlcera.

Despois de descuartizar a vítima, que desta vez era un político conservador, unha vez pasada a carne pola trituradora, o furioso despediuse e na radio apareceu como un milagre o Concerto para violín en la menor, de Bach. Ao principio pensei que aquilo se debía a calquera  automatismo alleo aos gustos do locutor, aínda que logo non descartei que no corazón desta xente alterada haxa tamén un pequeno espazo para o sosego. Aínda que só sexa para reparar forzas e enchufar a picadora de novo pola mañá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xaneiro de 1996.