La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O martes pasado, na cola dun cine, tocáronme de parella, xusto detrás de min, dous rapaces novos que esperaban vez para coller as entradas. Non reparei neles ata que os escoitei falar. Entón decateime de que aquel par de mozos, que ata entón me pareceran absolutamente normais, tanto no vestido como no calzado ou no corte de pelo, falaban de política nun plano superior, é dicir, que estaban preocupados pola marcha do mundo, non polas pequenas historias domésticas das que se nutre o cotilleo español.

Un deles, que era o que suscitaba e conducía a conversa, falaba da desgraza que supón o feito de que nunha situación tan difícil como a actual, coa caída dos réximes comunistas, a crise econónica e a construción de Europa, non haxa grandes figuras históricas capaces de orientar o mundo no cambio de milenio.

Non está mal, aínda que eu penso exactamente o contrario. O que menos necesitamos é grandes homes, unha especie que adoita aparecer en épocas terribles. Vivimos nun tempo mediocre, máis propio de Major que de Churchill, pero isto non resulta preocupante, pois son os períodos menos dramáticos da historia. Desde logo, Hitler non debía ser tan mentecato como Zhirinovski, nin Stalin tan gris como Ieltsin, pero a forte personalidade de ambos está en proporción directa coa magnitude das traxedias que causaron.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xaneiro de 1994.