La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Sucedeu hai xa bastantes anos, durante o réxime anterior. Había en Ourense un coñecido industrial que militaba dun xeito máis ou menos clandestino no Partido Comunista. Era un home simpático e con moitos amigos, sobre todo entre os artistas e os intelectuais, cos cales exercía un certo mecenado. Naturalmente a mesma simpatía que despertaba na xente do mundo da cultura convertíase en antipatía entre os elementos oficiais do sistema, que non lle querían ben e que non pararon ata velo detido, aínda que non durante moito tempo, por fortuna.

Nunha ocasión estaba este home nunha quenda que se tiña formado diante dunha ventaniña da Delegaciópn de Facenda, onde tiña que facer uns pagos. Excepto a incomodidade da espera e o motivo da visita, nada raro tiña ocurrido ata entón. Como a cousa ía lenta, aproveitou para saudar a un amigo que pasaba por alí, para o cal se desviou un par de metros da fila. Cando volveu ao seu sitio, atopouse con que un coñecido elemento do aparato político oficial lle tiña quitado a vez, aducindo que se ausentara. Houbo bronca e algunha ameaza polo baixo, pero o noso amigo tivo que deixar pasar primeiro ao seu rival.

Detrás da ventaniña, o funcionario, membro dunha coñecida familia da cidade e home calado e observador, tiña asistido en silencio ao incidente. Por suposto, atendeu en primeiro lugar ao protestón, recibiu os cartos que lle entregaba e anotou nunha longa folla de papel raiado os datos correspondentes, igual que facía cos demáis. Cando lle tocou a vez ao industrial comunista, o home da ventaniña baixou a voz e díxolle con absoluta seriedade: «Non se preocupe, que ao outro xa o anotei ben amolado, deixei unha liña en branco e va vostede primeiro».

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de decembro de 1988.