La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo nos periódicos as noticias que chegan estes días sobre ese famoso revolucionario venezolano chamado Carlos, de familia millonaria, ao cal empezaron a xulgar en París a semana pasada. Non me sorprende nin me molesta que sexa fumador de puros, que vista camisas de seda ou que use perfumes caros. Tampouco me importa que o teñan sorprendido en íntima comuñón cunha das súas avogadas no cárcere onde permanece pechado desde o ano 1994.

Despois de todo, son pecados humanos, comprensibles. Chamáronme a atención, en cambio, as palabras que pronunciou o primeiro día do xuízo para responder a un formulario de rutina que lle presentou o tribunal. Dixo que era un revolucionario de profesión, da estirpe de Lenin, que a súa patria comprendía o mundo enteiro e que o seu último domicilio estaba na cidade e Jartum.

Demasiado solemne, incluso algo cursi. A verdade é que se trata dun individuo que vai ser xulgado por un acto pouco heroico, fácil e irrelevante para a revolución mundial: o asasinato de dous policías en París. Se non cumpre coa promesa de facer revelacións espectaculares, tal como dixo, quedará como un vulgar pistoleiro, non como un magnicida que entra na historia subido nos lombos xigantes da súa vítima ilustre. Así que de revelacións, nada de nada. Non parece home de grandes safaris, senón raposo de galiñeiro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de decembro de 1997.