La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai unha novela de amor moi popular nos Estados Unidos, que algúns pensan que é a causa de non poucas relacións apaixonadas entre os seus lectores. Un día de aí atrás, o seu autor, James Salter, contoulle a un grupo de amigos durante un xantar unha destas historias, que lle foi referida por unha rapaza, protagonista do suceso xunto co seu mozo. Resulta que a parella decidira ler a novela en voz alta e que nese proceso atoparon páxinas que os entusiamaron pola sensualidade que desprendían.

O paso seguinte consistiu en que cada un dos dous debía seleccionar aquelas partes que imaxinaba que máis lle podían agradar ao outro. Como ambos eran tímidos, acordaron que en vez de facelo de viva voz, empregarían un fax. De maneira que buscaron as pasaxes respectivas e dispuxéronse a cumprir co establecido.

En vista de que o home traballaba nun banco e que o fax era común a varios departamentos, para evitar darlle publicidade ao xogo, a rapaza enviou a súa selección a un amigo que traballaba noutro piso, co rogo de que llo fixera chegar ao seu mozo nun sobre confidencial. O caso é que o sobre acabou nunha reunión de directivos, entre os cales se atopaba o destinatario, e foi lido en voz alta por equivocación. E así acabou aquel amor. Non parecen os bancos lugares moi apropiados para cultivar historias románticas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de decembro de 1995.