La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os periódicos destes días falan moito dun señor que está en folga de fame nun cárcere do Reino Unido e que corre o perigo real de morrer en calquera momento. Trátase, como se sabe, dun home que cumpre pena de prisión por causa das súas actividades relacionadas coa defensa dos animais, que ás veces o levaron a actuar contra a xente, colocándose fóra da lei. Agora, os seus colegas, militantes enfurecidos de agrupacións radicais da mesma ideoloxía, anuncian que, no caso de que morra o mártir, matarán a dez persoas como represalia. Falan en serio. Non sería a primeira vez que estes amantes dos animais atentaran contra seres humanos.

Hai pouco aínda, esta xente puxo unha bomba nun laboratorio onde se facían investigacións con bichos. Non parece moi razoable. Resulta preferible o que lle sucedeu hai anos ao filósofo Rubert de Ventós, que deixou a carreira de medicina cando perdeu o sentido nunha clase de anatomía ao ver como un profesor viviseccionaba un coello. Un desmaio é bastante máis decente que unha bomba.

O odio á humanidade disfrázase a miúdo con mil caretas. Hai quen se viste de revolucionario altruísta e mata os seus semellantes, os cales ve e coñece, co propósito tramposo de facer feliz ao xénero humano, que nin ve nin coñece. Hai tamén quen se inflama de amor ás vacas, aos cabalos, ás baleas ou aos cans e non dubida en pegarlle un tiro na cabeza a unha persoa. O número dos toliños é infinito. Esperemos que non proliferen demasiado e que non acaben colocando baixo o seu punto de mira a aqueles que se atrevan a comer un bisté ou matar unha mosca. Nese caso habería que ir contemplando a posibilidade de volverse burro, por exemplo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de decembro de 1998.