La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven onte en Barcelona para participar nun ciclo de conferencias que se celebrou na universidade, como homenaxe a Basilio Losada, recentemente xubilado. Ver unha aula completamente abarrotada de alumnos, con moitos sentados no chan ou arrimados contra as paredes, resultaba a proba máis evidente do labor que fixo este home ao longo dos anos que impartiu clases na Facultade de Filoloxía. Conseguir que máis de mil alumnos chegasen a interesarse polas literaturas galega, portuguesa e brasileira é un milagre que só pode facer unha persoa dotada a partes iguais de intelixencia e de bondade. O profesor Losada engadiulle ademais á santidade, a condición de ser un orador dotado de poderes engaiolantes.

Na súa conferencia explicou con toda claridade como chegou a ser catedrático da Universidade de Barcelona, el que nacera nunha familia campesiña da Pobra de San Xulián, en Lugo. Todos esperaban unha razón solemne. Pois nada diso. Sucedeu que un día foi buscar tabaco a un estanco e non o había; e ao ir a outro sitio, atopou a Martín de Riquer, antigo profesor seu, que lle preguntou se quería dar unhas clases. Así empezou a súa longa carreira docente, agora rematada.

O público estaba feliz. E máis feliz aínda cando Basilio Losada lles contou que, sendo neno, vira a Deus: un velliño comendo unha taza de caldo na casa da súa avoa; ou que na aldea había dúas cerdeiras bravas que se chamaban Genaro e Daniel, pois foran dous nenos que quedaron convertidos en frutais estériles como castigo por rir dun vello forasteiro, esfarrapado e pobre, que resultou ser Noso Señor; ou como o seu tío Manolo, na guerra de África, foi destinado a aviación porque era ferreiro e como despois de aprender a  pilotar os avións, polas tardes, á hora do café, despegaba do aeródromo e ía tirarlle pedras aos mouros porque non tiña bombas. E  así moitas historias máis. Cómpre dicir que Basilio falou dos encantos da literatura oral.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de decembro de 2000.