La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dez poetas madrileños metidos nun barco, entre Vigo e Cangas, decidiron un día que o espectáculo que estaban contemplando era “fascinante”. Foi a palabra máis veces citada naquela breve viaxe literaria, seguida polo adxectivo “admirable”, de clara raíz rubeniana, que empregaba adoito Gabriel Celaya mentres comía unha mazá. Como se ve, nada do outro mundo. Un pensaría que daquel conxunto de almas exquisitas deberían saír polo menos vinte ou trinta adxectivos espléndidos. Pois non foi certo.

Uns anos despois, un velliño dunha aldea próxima a Xunqueira de Ambía, para quen o concepto de inmensidade se identificaba coas terras chás da lagoa de Antela, metido nun trance parecido ao dos señores poetas madrileños, contemplando a anchura xenerosa do mar da ría de Vigo, foi moitísimo máis orixinal ca eles. Dixo: “Se este mar fose terra, que boa leira de patacas daría”.

Dos ilustres vates coroados que aquel día ían fascinados no barco, un deles, abstemio por certo, é autor dunha longuísima oda dedicada ao viño de Valdepeñas. Aínda privado de mundo e de carne, non está mal, pero nada di no seu poema que mereza ser recordado. O citado velliño, non obstante, bebedor controlado polos familiares a causa dos achaques, pediu unha vez un segundo vaso á hora do xantar e tívose que defender dos reproches co argumento de que o primeiro fora para quitar a sede e que o outro era para mollar a palabra.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de novembro de 1992.