La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha librería vexo un individuo gordo e suorento pegado aos andeis onde se exhiben os libros de misterio. Está nervioso. Ten na man un exemplar cunha portada escandalosamente coloreada. Pola compulsión con que pasa as páxinas, resulta evidente que busca algo. Picado pola curiosidade, colócome en posición apropiada para averiguar o título do libro, pero as mans enormes do mozo non me permiten ver outra cousa que a palabra “vampiro”. Non consigo comprender a razón de tanto nerviosismo.

Escoiteille dicir unha vez a Cunqueiro que o peor vampiro de todos é o “bragado”, do cal chegou a haber varios centos en Galicia, un deles moi coñecido na comarca de Lemos alá por principios do século XIX. Presentaba a anomalía de ter vinte e tres dentes, e non vinte e catro, o cal convertía a súa mordedura en mortal, parece ser que por unha cuestión relacionada co dente impar, infinitamente velenoso.

Supoño que entre os vampiros “bragados” de Cunqueiro e os vampiros que poñen nervioso a ese mozo gordo que vin na librería hai unha diferenza poética. Con toda seguridade, os primeiros, a pesar de ter un dente menos e con ser este tan perigoso, carecen de capacidade para meter medo. Os segundos, en cambio, reflectidos no rostro anguriado deste home que consultaba o libro, son capaces de espertar na xente o espanto que levan dentro. Uns metros máis alá, na sección de literatura, hai moreas de soños que non mancan.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de outubro de 1992.