La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escoitei onte na rúa unha señora que berraba por alguna rapaza chamada Helena Susana. Case no instante, despois de oír ese nome, que me sorprendeu, vin unha pequena que acudía correndo, saltando feliz. Era unha meniña de catro ou cinco anos, redonda e gordecha, tipo repolo inflado, vestida en plan vaporoso. Chamábana, non para rifarlle, como pensara eu nun principio, senón para darlle a merenda, como non resultaba difícil imaxinar. Polo aspecto saudable da nena, as viandas debían ser ricas.

Estiven observando a escena durante uns poucos minutos, fascinado polo apetito con que se aplicaba a rapaza a consumir un deses produtos graxos e azucrados, tipo iogur, que tanto lle gustan ás nais para darlles de comer aos seus fillos. Había tal gozo no enzoufe dos labios, que resultaba unha delicia.

Supoño que unha mocosa que come con esa alegría, cantando e batendo as palmas de contenta, está destinada a ser feliz. Non sei se un nome como este que lle puxeron, nada fácil de pronunciar, lle suporá algún inconveniente, aínda que espero que non. Despois de todo non se trata dun nome cursi, de galiña ou periquita, senón dun nome serio, de muller. Algo longo de máis, talvez. En todo caso, nada importante. Mesmo ao rematar a merenda, a nai deulle un bico á rapaza e chamoulle “pepona” cun enorme cariño.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de outubro de 1995.