La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu de hai moitos anos, home simpático e agudo, cunha cultivada sona de descrido, volteriano e algo diabólico, el que é un inocente, andou unha tempada, alá pola década dos setenta, coa obsesión de inventar un milagre. Desa maneira divertíase, ao tempo que divertía tamén os amigos da tertulia, e non deixaba morrer a fama de ser un irreverente. O milagre debía suceder nunha aldea próxima a Ourense, onde había un embalse ou encoro, e tiña que contar cunha nena que non soubese nadar e cun mergullador clandestino, oculto debaixo das augas, que fixese o traballo que lle correspondía facer a algún santo ou santa da corte celestial.

Falou tanto do seu proxecto, incluso cun cura intelixente que en vez de asustarse lle seguiu a broma, que a cousa transcendeu. Nesas, un día recibiu a visita dun taberneiro do lugar, preocupado por se o meu amigo necesitaba axuda económica para lograr o seu obxectivo. Interrogado polos motivos dunha actitude tan desinteresada, o fulano dixo que as cousas da relixión sempre lle pareceran moi ben.

Segundo publican os periódicos, nas terras onde mataron ao Che Guevara hai anos, parece que os mesmos campesiños que en vida o ignoraron e o denunciaron, agora cambiaron de actitude e venérano xa coma un santo. Con esa devoción nova, a aldea e o val vanse enchendo pouco a pouco de turistas, aos que lle venden de todo, sempre relacionado co morto. Vese que estas xentes lle queren pagar ao Che, aínda que sexa tarde, polo sacrificio da súa vida. Tampouco se pode descartar que os motivos sexan parecidos aos do taberneiro que quería axudar ao milagre do meu amigo. Despois de todo, non hai nada malo en gañar unhas pesetiñas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de outubro de 1997.