La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En portugués, a iso que nós chamamos pavo, eles chámanlle perú. Como a palabra cultura significa tamén cultivo, non é raro que cando Eugenio Montes chegou a Portugal e mercou un libro titulado A cultura do Perú levase unha enorme sorpresa ao descubrir de que cousa se trataba. Contouno o presidente da Xunta na reunión de Viana do Castelo. Supoño que debe ser un dos moitos equívocos que se citan para establecer as diferenzas entre galego e portugués, que nese nivel son moi abundantes.

Danse con frecuencia entre linguas irmás. Concretamente no español de América temos exemplos coñecidos de todos. Son famosos os apuros que pasan os conferenciantes da península en Bos Aires para non dicir o verbo coger, que alí ten o mesmo significado que para nós ten ese verbo que empeza por j e que non vou escribir aquí. En Venezuela, por outra parte, os huevos son yemas.

Todas as linguas teñen un depósito considerable de tesouros. As persoas iniciadas coñecerán sen dúbida o libro de Walter Porzig titulado O marabilloso mundo da linguaxe, unha ledicia de lectura que ninguén debería perder, sobre todo agora que empeza o curso escolar. Sería un bo antídoto contra esa materia pedante de explicar a lingua que converte  en materia insoportable, absurda e fea, o que podía ser una auténtica alegría. Esa debe ser unha das razóns de que os alumnos odien tanto o estudo da linguaxe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de outubro de 1992.