La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como profesor recordo que era un home afable, esixente e traballador, incluso brillante, se non fose porque falaba nun ton baixo e monocorde, non fácil de entender. Desde a súa mesa miraba cara ao fondo da aula, un mentro por riba das nosas cabezas, como evitando o encontro das miradas, quizais porque a timidez non lle permitía unha intimidade maior. Trataba os alumnos con respecto exquisito, mesmo os máis indisciplinados, aínda que non perdía nunca a autoridade. Eu diría que era un bo profesor.

Non o tratei á marxe das aulas, pero sei que tiña lenda de home raro, pouco sociable. Vivía só, creo que cunha vella criada, e dedicábase a ler e escribir, por máis que non lle lin outra cousa que pequenos traballos de investigación. Pareceume que estaban ben, realizados co mesmo rigor erudito que puña nas súas clases.

Vino onte pola rúa, furgando nas papeleiras, pero con cara feliz. De cando en vez, atopaba algo; mesmo me pareceu que nunha ocasión foi unha mazá o que encontrou. Gardaba as cousas nunha bolsa de plástico de color azul. Comenteino máis tarde cun amigo, tamén antigo alumno. Díxenlle que debía estar tolo, pero aclaroume que non, que el mesmo lle tiña reprochado un día amablemente aquel proceder e que o vello profesor lle dixo que o facía porque descubrira que esa era a mellor maneira de non aburrirse os domingos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de setembro de 1994.