La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai xa bastantes anos, unha noite vin aquí, en Times Square, unha escena que, durante uns segundos, me tivo na dúbida de non saber se estaba contemplando a realidade ou asistía a algún tipo de ficción cinematográfica. Un grupo numeroso de policías, non menos de doce, chegaron correndo desde todas as esquinas da praza, pistola en man, e lanzáronse contra un rapaz, tamén armado, ao que derrubaron violentamente e mantiveron coa cabeza contra o asfalto, ata que chegou un furgón e o meteron dentro.

Non se trataba dunha película, senón dunha detención. Como di un amigo meu americano, en Times Square calquera cousa é posible. O que eu non podía imaxinar era o que me sucedeu onte pola noite, cando camiñaba por alí  cuns amigos para buscar un sitio onde cear. De pronto, un señor parou diante de min e díxome: “¡E que fai vostede aquí, en vez de estar na casa escribindo a columna de mañá para La Voz de Galicia!” Durante uns segundos, como me sucedera coa escena dos policías, non souben que cousa pensar.

Aclaroumo el amablemente. Presentouse como o doutor Martul, médico no hospital Juan Canalejo da Coruña, de paso por Nova York. Despois de rir os dous dunha situación tan curiosa, falamos un pouco e, como ocorre sempre en casos así, descubrimos que tiñamos amigos comúns: os doutores Vázquez Iglesias e Diz Lois, por exemplo, compañeiros del no traballo e ourensáns e amigos meus. Logo despedímomos, rindo de novo. Desde logo, téñenme pasado cousas raras na miña vida, algunhas tan milagrosas que parecen incribles, pero nunca pensei que alguén me parase no centro de Nova York para dicirme o que me dixo este señor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de setembro de 1998.