La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Por fin levantou a néboa e a xente parece que recuperou a alegría, pois onte, nas ponencias dos escritores, aquí na Casona de Verines, abundaron as intervencións pesimistas. Case todos os participantes falaron, en ton de queixa, de que se le pouco, de que os suplementos culturais dos periódicos non fomentan a lectura e doutros derrotismos semellantes. Eu dixen que non estaba de acordo e que non entendía por que os escritores nos empeñamos en que a literatura lle teña que gustar a todo o mundo.

Onte pola mañá, ignoro se pola influencia beneficiosa do sol e a claridade azul do día, houbo humor e unha dose razoable de optimismo. A min gústame máis así, pois estou convencido de que os escritores somos máis divertidos e máis eficaces cando perdemos solemnidade e nos tomamos un pouco de broma a nós mesmos. O resumo da nova actitude veu na frase dun colega, no momento en que nos colocamos para a foto de recordo. Ao escoitar a un compañeiro que dicía por teléfono: “Pepito, cuida del perrito”, comentoulle: “Como se nota que eres un gran poeta”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de setembro de 2000.