La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven comendo cun amigo, diplomático de profesión, que aproveitou a circunstancia de que non nos escoitaba ninguén para falar desas cousas que normalmente non pode dicir sen que se organice un conflito. Está destinado nun país pobre, receptor de axudas inmensas que lle chegan a través diso que se chama a cooperación internacional. A palabra “inmensas” significa exactamente, en termos económicos, varios centos de miles de millóns de pesetas, unha cifra capaz de arrincar da miseria a ese país.

Non obstante, segue fundido nela: cada ano é máis pobre. Hai pouco aínda, unha nación amiga envioulle alimentos por toneladas, pero unha parte substancial desapareceu sen deixar rastro, a pesar de que equivalía a un par de trens longos cargados de diversas mercadorías. A explicación oficial foi tan simple como desvergonzada.

Conteille despois a outros amigos estas cousas e case todos reaccionaron da mesma maneira, botándolles as culpas aos que dan a axuda, non aos que a rouban e dilapidan. O argumento era moi simple: mesmo os ladróns do terceiro mundo son unha consecuencia tardía da barbarie colonizadora. Eu podería estar de acordo en parte, se os meus interlocutores aceptasen condenar coa mesma forza a golfería política actual que segue vivindo a conta daquela ignominia histórica. Ás veces, os ladróns non son xente honrada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de setembro de 1994.