La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A uns amigos panameños, negros de cor e refuxiados políticos en Suecia, un día parounos a policía de tráfico para sometelos a unha proba de alcohol. Como beberan bastante e estaban seguros de dar positivo, tiveron que exprimir o enxeño para evitar ir ao cárcere ou seren expulsados do país. Coñecedores da aversión dos suecos polo racismo dixeron que xa sospeitaban que ían ser controlados. Con inocencia nórdica, o policía preguntoulles a razón. “Porque somos negros”, dixeron eles.

Naturalmente, salváronse da sanción. Un dos dous anda agora por España e séntese feliz porque a norma española de tráfico en materia de alcohol é moito máis liberal que a sueca.

Aprendeuno nun folleto ao saír de vacacións e ademais tivo a ocasión de comprobar que os controis son moito menos frecuentes: desde Irún a Sevilla e desde Sevilla a Galicia non viu unha soa vez a un cidadán soprando no globo. Se o meu amigo parase nalgúns bares de Asturias, tería ocasión de asistir ao nacemento dun novo xogo relacionado cos globos. Nalgúns chigres e tabernas hai artiluxios destes a disposición do público, pero non para facer probas de autocontrol e practicar a moderación antes de sentar de novo ao volante do automóbil, senón para ver quen é o primeiro que chega á cor vermella, proba definitiva de que o agraciado está completamente borracho. Despois conducen ata as súas casas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de agosto de 1992.