La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

É sabido que Josep Pla era un home intelixente, con ese punto de malicia admirable que teñen os cínicos non pervertidos. Nunha ocasión preguntáronlle que opinión lle merecían os intelectuais e respondeu que os había de dúas clases: os que tiñan sentido común e os cucos. Dos primeiros, dixo que estaba convencido de que lle gustaban pouco aos propios intelectuais:  dos segundos, ben queridos polas xentes do gremio, pensaba que cando falaban en público, era inevitable que lles acabase soando un grilo na cabeza.

Estes días, os periódicos falaron moito dun coñecido intelectual español que afirmou nunha entrevista que aos cataláns lles gusta máis o teatro polaco escrito en polaco que o teatro español escrito en castelán. Para quen non estea no segredo desta clase de tonterías hai que dicirlles que en Madrid aos cataláns lles chaman polacos.

Como mostra de enxeño, a frase do citado escritor non parece demasiado feliz: pódese insultar con máis graza. Como crítica, perde toda eficacia, pois en vez de falar dun problema, converte este nun chiste bastante malo, que moitos dos interesados, sobre todo os menos intelixentes, recibirán ademais como unha ofensa. Mírese por onde se mire, a intervención do famoso intelectual hai que cualificala como un absoluto desastre. Haberá que estar de acordo con Josep Pla en que a algún intelectuais lles soa un grilo na cabeza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de agosto de 1994.