La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai xa dez anos que Manolo Prego non asiste á tertulia de Baiona, onde daba gusto falar con el. Era un home intelixente e moi apaixonado, un grande espírito pechado nunha leve envoltura humana. Eu falei con el por última vez tres días antes de morrer e parecía un home cargado de electricidade, a punto de estralar. A noticia chegounos aos seus amigos, polo menos a Torrente e a min, mentres charlabamos con outros colegas no Palacio da Zarzuela, nunha das recepcións que o Rei dá aos escritores en abril.

Este verán acordámonos del algunhas veces ao ver a plaquiña que se colocou hai anos alí, ao lado da nosa mesa, na cafetería Monterrei, en lembranza daquel amigo. Na tertulia era ocorrente e agudo, con sentido do humor. El, que pasara horrores na súa vida, tiña unha sensibilidade especial para os tontos atravesados.

Dábaos como hai xente que dá o lobo. Non quero nin pensar o que se lle ocorrería coa noticia dese fanático exipcio que asegura que Deus lle encomendou a misión de salvar o seu país. Prego dicía moitas veces que nas escolas se lles debía preguntar aos nenos que querían ser de maiores e que a aqueles que contestasen que querían ser carpinteiros ou avogados, a eses había que dicirlles que moi ben. Pero se algún rapaz dixera que quería salvar o mundo, a ese había que poñelo á parte e vixialo atentamente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de agosto de 1996.