La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha cousa que sempre me chamou a atención en Suecia foi a disciplina da xente en relación co alcohol á hora de conducir. Eu mesmo, que son pouco bebedor, téñome brindado moitas veces a servir de chofer a amigos e parentes cando acudimos a unha cea fóra da casa. De non atopar este tipo de axuda, alguén tería que pasar a velada sen probar máis que auga, o cal, para unha persoa daquel país, onde o licor se considera como un anticipo do ceo, sería unha desgraza. Aínda así, raramente se saltan esa norma.

A min paréceme ben que os suecos sexan tan estritos, así como me parece mal que aquí sexamos exactamente o contrario. O único accidente de automóbil que tiven na miña vida ocorreume en Ourense, hai anos, cando unha amiga me fixo aterrar nun prado. Coas copas que bebera, en Suecia pasaría un par de anos no cárcere.

Os que non resultan simpáticos, en cambio, son os que converteron en profesión a loita contra o alcohol. Pertencen á raza universal dos fanáticos, xente tramposa en xeral, pois cando un está seguro das cousas nas que cre, non necesita berrar tanto. Onte mesmo publicaron os periódicos a noticia de que un dos abandeirados daquela causa, un tipo célebre en Suecia, Kenneth Hagberg, acaba de ser pillado nas patacas. Irá dous anos ao cárcere. Aínda tivo sorte, porque el era dos que pedían que as penas fosen maiores.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de agosto de 1995.