La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como sabe todo o mundo, a revista Playboy é unha publicación americana famosa en todas partes porque publica fotos de mulleres espidas, pero na que tamén aparecen reportaxes interesantes. A pesar de que nos últimos anos baixou dun xeito notable o número de lectores, na actualidade aínda conserva máis de tres millóns de fieis que a seguen mercando. Por outra parte, arredor da revista, unha filla do dono, o célebre Hugh Hefner, a quen lle gusta que lle chamen Hef, montou un imperio económico que permite que o pai, un gandul de 73, rodeado sempre de mozas guapas, gañe case mil millóns de dólares cada ano.

Recentemente, as ventas do grupo Playboy volveron medrar dunha maneira inesperada, o cal fixo que Hef, un botarate que ás veces fala por falar, se atribuíse todos os méritos, entre outras razón por terse divorciado. En cambio, non pensan o mesmo os accionistas minoritarios da compañía, que están convencidos de que o fundador gaña moitos cartos, mentres que a eles cada vez lles reparte menos.

Parte dos beneficios van destinados a manter a casa de Hefner, un pazo de moi mal gusto, estilo Tudor, no que o famoso golfo mantén un servizo de máis de oitenta persoas, entre elas un arquiveiro que non ten outro traballo que recoller as mencións que na prensa internacional se fan sobre o seu xefe, as cales encaderna despois en libros de tapas de pel, coma se fosen as “Obras completas” dun xenio. Hai pouco, nunha asemblea de accionistas, un deles propuxo que se organizasen visitas turísticas á casa de Hef e que este lles dese a man, naturalmente previo pago. A resposta do interesado foi digna de si mesmo: “Para min, importa máis o corazón que o diñeiro”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de agosto de 1999.