La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Vexo chorando a moco na televisión, nun escenario e diante de catrocentas persoas, a Bert Karlsson, un dos líderes da extrema dereita sueca, que durante un mitin non puido evitar as lágrimas ao recordar que desde que se meteu en política está arruinado. Polo visto, hai unha especie de conspiración inconcreta e vaporosa contra el, o parque de atraccións da súa propiedade vaille moi mal, perde contratos cos que contaba… Algún periódico di que, conspiracións á parte, a xestión parece que ultimamente non é moi boa.

Resulta curioso que á hora de explicar o mal estado dos seus negocios, este pintoresco personaxe recorra aos mesmos argumentos indeterminados que utiliza para falar da situación económica en Suecia: inimigos ocultos, estranxeiros ociosos e vagos, conspiracións…

Máis curioso aínda é que este pensamento raquítico e derreado, indigno dun cerebro humano, poida seducir a tanta xente. Vese que o corazón dalgunhas persoas resulta irreducti- ble á razón, como se fose unha reserva primitiva, cos sentimentos criados en estado salvaxe, ao vintimperio, igual que se o mundo non tivese máis que tres horas. Para estas xentes, un inmigrante, por exemplo, vén ser algo parecido ao que era o lume para os nosos antepasados máis primitivos: se un se achega moito, queima.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de agosto de 1993.