La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí de James Joyce e da ponla que collín hai uns meses na súa tumba, en Zürich. Uns anos antes, estando en Baltimore co escritor catalán Joan Perucho, fomos visitar o cemiterio onde está enterrado Edgar Allan Poe, case no centro da cidade. Mentres permanecemos naquel lugar, vimos uns rapaces, home e muller, que trataban de arrincar unha pedriña da lousa que cobre os restos do escritor. Unha señora que rezaba no mesmo sitio recriminoulles a actitude, que lle debeu de parecer frívola e irreverente.

Non recordo moito máis, a non ser a emoción de Perucho, que me recitou uns versos de memoria e dixo unhas frases poéticas erguendo as mans cara ao ceo nun xesto que el adoita facer con frecuencia. Despois, quedou un momento calado e recollido, movendo os labios en silencio, sen dúbida rezando pola alma do poeta.

Segundo ten contado varias veces por escrito, Perucho garda agora na súa casa a folla dunha árbore, enmarcada, cunha nota na que asegura que esa folla se desprendeu naquel instante e que se foi pousar lentamente nun dos seus ombreiros. Se digo a verdade, eu non me decatei do milagre e o meu querido amigo tampouco me dixo nada entón. Non quero insinuar con isto que se trate dunha licenza poética. Supoño que foi cuestión de delicadeza, ao ver que Poe non me mandaba tamén a min unha folla.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xullo de 1997.