La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese señor Chávez que goberna en Venezuela, agora quérelle cambiar o nome ao país. Non é unha cousa tan infrecuente nin rara como se pensa. Hai anos, eu lin unhas cartas entre Castelao e Aguirre, o que fora presidente do goberno vasco e que daquela residía nos Estados Unidos, onde o segundo dos dous lle propuña ao outro, alá polos anos corenta, a necesidade de ir pensando en cambiar o nome de España para cando caese o xeneral Franco.

Aguirre era partidario dun cambio radical, é dicir, substituír o nome histórico por outro diferente. Castelao, en cambio, con máis sentido común, argumentaba que el non pasaría de cambiar España por Hespaña.

Castelao invocaba ao seu favor, para meter o “h”, a etimoloxía, aducindo o vello nome latino de Hispania, pero a Aguirre non lle parecía de abondo. Se mal non recordo, entre os nomes que propuña, estaba o de Iberia. A discusión recordábame as cartas daquel toliño de don Prudencio Sarrión que chegou a propoñer tamén que a Deus se lle chamase doutra maneira: penso que Calibageto ou algo así.

Nisto dos nomes dos países, hai quen opina que Francia, por exemplo, é bonito, mentres que Bostwana, pola contra, é feo; ou que Liberia ten un significado fermoso, relacionado coa palabra libertade, mentres que Chequia soa un pouco raro desde que se separou de Eslovaquia. Eu confeso que carezo de opinión ao respecto e que tanto me ten, pois todos os nomes me parecen máis ou menos bonitos. Estou de acordo, non obstante, con Madariaga, que defendía a teoría de que os Estados Unidos de América era un dos poucos países do mundo que non tiñan un nome real, pois dicir esas palabras era igual que dicir A Rapaza Loira do Terceiro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de xullo de 1999.