La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Continuando co tema dos milagres, do que falamos nos últimos días, creo que xa recordei aquí nalgunha ocasión o que me dixo un día o Camilo Vaca, veciño da miña vila que non cría en Deus, a quen odiaba. Para reforzar o seu ateísmo, polo cal esperaba ferventemente ir ao inferno, sostiña que todos os milagres eran sempre unha trapallada: devolver a vista, curar unha enfermidade, apartar unha tormenta… Pero que non coñecía ningún que fose serio. Por exemplo, que a unha persoa sen un brazo lle volvese nacer outro.

Cando eu lle dixen que Elías fora arrebatado ao ceo nun carro de Lume e que Lázaro fora resucitado despois de morto, díxome que tiña o cerebro dun grilo, que pensando así non había tardar en quedar calvo de tanto discorrer. Sentinme máis impotente que humillado, pero un día tiven ocasión de vingarme e fíxeno con rabia.

Alguén empezou a correr pola miña vila que nalgúns libros devotos, como os misais, realizando non recordo qué operacións matemáticas, nunhas páxinas concretas aparecía un pelo. Fixémolos varias veces entre os amigos e nunca nos fallou: saía mallado. Cunha proba tan contundente e irrebatible nas mans, alá fomos ver o descrido. Explicámoslle en que consistía o prodixio e pedímoslle que o comprobase por si mesmo Cando apareceu o pelo, colleuno cos dedos e díxome: “Gárdao para cando quedes calvo”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xullo de 1994.