La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, no telexornal da noite, apareceron os resultados dunha enquisa. Se hoxe se celebrasen eleccións en Suecia, a dereita perdería o poder e subirían de novo os socialistas ao goberno. Se non se producen cambios importantes na economía do país de aquí a catorce meses, ese será o resultado en setembro de 1994. Os conservadores gañaron hai dous anos coa promesa de acabar co paro. Foi unha equivocación: nese tempo triplicouse o número de persoas sen traballo. E aínda non se ve o final.

Esperemos que os socialistas non cometan o mesmo erro. Como é probable que tampouco eles vaian resolver o problema, terían os días contados. Ademais deixarían o electorado mirando perigosamente para o ceo, esperando un milagre, é dicir, unha catástrofe.

Escoitando o outro día na televisión unha rapaza en paro, a súa posición resultaba  absolutamente impermeable ás explicacións dos técnicos. O que ela quería era traballar, o demais parecíalle retórica sen sentido, palabrería dos políticos para xustificar a súa incapacidade. Un muro desa natureza non hai argumento que o traspase. E menos que ningún, as promesas, pura chatarra que, se non se corta, acabará convertendo a democracia en cousa de desguace. En política, prometer debíase considerar un delito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xullo de 1993.