La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O xornalista do que falamos estes días pasados non era o único intelectual ourensán que tiña preocupacións teóricas sobre a lingua. Houbo unha época na que tamén se interesou por estas cuestións Luís Trabazo, escritor, pintor e xogador empedernido de xadrez. Non recordo por que razón, pero durante unha boa tempada empeñouse en falar sempre co artigo masculino. A unha señorita que un día lle fixo un comentario sobre o mal que movera un cabalo sobre o taboleiro, espetoulle Luís: “Haga el favor de cerrar el boca”.

Non se trataba dun capricho, senón da realización práctica dunha teoría. Nela, ademais desta cuestión, incluía un apartado sobre o que el chamaba “adverbios propinales”, é dicir, a adverbializacióndos nomes propios de maneira que había cousas que se podían facer “luisamente”, “antoniamente” ou mesmo “fernandezmente”.

Tiña un problema, que de Franco saía “francamente”, o cal sonsideraba el unha contradición; optou entón por unha palabra difícil e complicada: “francobahamondemente”. Aseguraba que esa complexidade correspondía mellor coa retranca do xeneral que cunha franqueza que de ningún xeito se podía contar entre as características psicolóxicas do personaxe. O entusiasmo de Trabazo pola linguaxe cesou o día que decidiu facer do dedo índice da súa man dereita o dedo máis potente de Europa. Pero esa é outra historia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de xullo de 1994.