La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez, haberá dez ou doce anos, ía eu paseando por Glasgow, sen rumbo, só para pasar o tempo. De pronto, no adro dunha igrexa vin unha voda e quedei mirando, máis por despiste ou inercia que por auténtico interese. Entón, un señor que estaba vestido coa tradicional saia escocesa, volveuse de costas cara a min, fixo un movemento rápido e amosoume a parte  menos nobre da súa oronda anatomía, que era branca e sonrosada, tipo marisco cocido. Case de inmediato, tres ou catro compañeiros fixeron o mesmo.

Onte pola noite, por casualidade, atopei na televisión un canal alemán que estaba dando imaxes desde Londres, tomadas inmediatamente despois do partido de fútbol que perderon os británicos. Un grupo de mozos desgustados co resultado adverso, ao ver que eran gravados, baixaron os pantalóns e posaron daquela maneira.

É un xesto que nunca conseguín entender. Quero dicir que non comprendo o seu significado profundo, aínda que nunha ocasión escoiteille dicir a Ian Gibson que algunha relación pode ter co costume de pegarlle coa vara de avelá aos estudantes nos colexios, aínda vixente. Nun libro que anda por aí, dedicado a estudar estas prácticas do gamberrismo xuvenil, aventúrase unha teoría sobre a homosexualidade. Pode ser certo. Claro que tampouco habería que descartar que fose un simple problema de mala educación.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xuño de 1996.