La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se chega a vivir don Manuel Pena, antigo profesor meu, que entendía as clases como unha festa para aprender cousas curiosas, e descubrira que eu lle confundía a súa querida batalla de Poitiers coa de Pavía, como me sucedeu no artigo de onte, seguro que levaba un desgusto. Non sei ben que cousas importantes se decidiron na segunda das batallas, nin as  consecuencias históricas que tivo, pero na primeira, Europa librouse do dominio musulmán grazas á sabedoría estratéxica de Carlos Martel e do conde Eudes.

Metidos de novo no asunto, hei recordar que en Poitiers, segundo o meu profesor, ademais da posición do exército dos francos, decidida de maneira intelixente polo seu xefe, tiveron unha grande importancia as célebres franciscas, machadas de mango longo que fixeron unha enorme desfeita nas cabezas dos mouros.

Tamén foi importante o lume, aínda que non recordo ben por que. Só sei que na explicación de don Manuel algo ardía de pronto, e que aquel incendio provocado polas tropas francas causaba desconcerto no exército do califa. Creo que foi esa situación a que aproveitou a cabalería do Conde Eudes, que estaba agochada nun bosque próximo, para caer por sorpresa como un trebón sobre as liñas inimigas. Debo confesar que esta manobra, que o profesor consideraba xenial, a min sempre me pareceu un pouco tramposa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xuño de 1995.