La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que xa teño contado aquí noutra ocasión que o meu pai era un devoto admirador de Rousseau, a pesar do cal o Emilio foi un libro oculto na miña casa, onde compartía caixón pechado con La Celestina, agora sei por que, e El diablo cojuelo, cousa que aínda hoxe non comprendo. No mesmo lugar secreto eu vin un par de veces un libro que se chamaba Mentiras al niño y del niño, que sempre pensei que trataba de min. Quero dicir que desde neno souben que grandes e pequenos se contaban mentiras mutuamente.

Esa é unha das razóns de que non entenda os escrúpulos dos mentiráns. A outra depende do feito de que eu tiven un profesor de relixión que nos aprendía a mentir sen que fose pecado. A  fórmula chamábase restrición mental e consistía en mentir coa boca, pero non co pensamento. Creo que todo o mundo sabe como se fai.

Onte lin que a guerrilla colombiana vai fusilar un neno de catorce anos que lle roubou unha radio a un campesiño. Eles chámanlle “roubo ás masas”, que é a maneira que teñen os idiotas ruíns de converter nun crime o que non deixa de ser unha simple rapazada. Con todo, o fusilamento non terá lugar ata setembro, cando o pequeno cumpra o que denominan idade revolucionaria. Para mentir ou para matar non fai falta tanto paripé. Despois de todo, en cousas de conciencia, asasinos e mentiráns conténtanse con pouco.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xuño de 1996.