La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, despois de xantar, mentres falabamos de música de jazz á hora do café, alguén interrompeu a conversa e preguntou se cando eu era neno había xeados. Nun primeiro momento, pensei quese trataba dunha broma; despois, sentinme como se debían sentir o meu pai ou o meu avó cando eu lles preguntaba como era posible que no seu tempo non houbese radio nin luz eléctrica. Logo, xa máis tranquilo, recordei o carro do Federico, en Xinzo de Limia, con aquelas tres tapadeiras de aceiro ben pulido, debaixo das cales se atopaban tres grandes cubos metálicos rodeados de barras de xeo, que contiñan unha triple marabilla: nata, fresa e chocolate.

Entre risas, como se aqueles carros brancos dos xeados pertencesená prehistoria e non ao día de antonte, tiven que ir respondendo a moitas preguntas: se os xeados tamén se comían no inverno, como agora; se os daban en tarriña de plástico ou en cucurucho, e como eran estes; se os había tamén de corte e como se facían; se o xeo para conservalos non derretía  rapidamente; canto custaban…

Nunca imaxinei eu un mundo sen xeados, da mesma maneira que non podería entender un mundo sen pan. Sería, sen dúbida, un mundo máis triste, polo menos para min. Con todo, hai uns días, cando andou por aquí o escritor nicaraguano Sergio Ramírez, falounos aos amigos da súa nenez naquel país, onde a pobreza durou máis tempo do que durou entre nós. Tratando do asunto que motivou este artigo de hoxe, contou que cando el era pequeno, alá polos anos corenta, había unha frase que se lles dicía aos nenos para que se portasen ben: “Si eres bueno, te llevo a ver comer helados”. Probablemente resultaba divertido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xuño de 1998.