La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días referinme aquí á historia aquela de don José Ortega y Gasset que lle oín contar varias veces ao profesor José Luis Aranguren, sobre un escritor tan inocentemente admirador de todo canto fose americano, que o filósofo o recibiu un día, despois dunha viaxe daquel polos Estados Unidos, cunha frase feliz pero malvada: “¿Qué tal por América además de muy bien?” Non deixa de ser raro que fose precisamente un español o protagonista dunha devoción semellante, pois é ben sabido que España é o país máis rabiosamente antiamericano de toda Europa, un feito curioso ao que non resulta fácil atoparlle unha explicación racional.

Tense dito que os españois non esqueceron a humillación de 1898, cando a armada foi botada a pique en Santiago de Cuba. A mesma humillación que sentiu o neno Castelao, daquela residente na Arxentina e que seguía a guerra día a día, pintando os barcos propios con moitas chemineas. Entón quixo matar un inglés porque lle dixo: “Agora tendes a flota submarina máis grande do mundo”.

Non penso que esa sexa a explicación correcta, ou toda a explicación. Case ninguén sabe xa o que pasou hai cen anos nin que os americanos tiveron unha soa baixa, que foi un soldado que se mancou nun dedo, nin que o almirante español, que se bateu con bravura, tivo que salvarse a nado. O único certo é que, como acabamos de comprobar unha vez máis coa guerra de Kosovo, sexa cal sexa a opinión que nos mereza a cada un de nós a intervención militar dos países aliados, en España non hai simpatía polos Estados Unidos. Tanto é así que eu creo que se podía inverter a pregunta de Ortega e deixala así: “¿Que tal por América además de muy mal?”

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xuño de 1999.