La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A Manga é unha minúscula aldea próxima a Xinzo de Limia, practicamente sen historia, pero na que hai anos ocorreron dous sucesos singulares. Unha tarde de verán, desde o alto dunha das abidueiras que se erguen á beira do camiño que vén de Lamas, diante dun xentío inmenso chegado de moitas leguas á redonda, un tal Leonardo botouse a voar cunhas alas de palla coa pretensión de ir a Vigo e volver. Alí mesmo afuciñou.

Descalabrado pola zoupada, pasou pola vergonza de ser transportado por un carro de bois. O segundo suceso ocorreu cando eu era neno. Un día escuro de inverno, a iso das catro da tarde, alguén empezou a correr a noticia de que na Manga, mesturado coa chuvia, caera do ceo un home espido. En pouco tempo xuntouse unha cristiandade enorme de xente atraída pola marabilla. Durante varias horas, empapados pola chuvia, os congregados buscaron inutilmente o caído.

Máis de corenta anos despois, o prodixio acaba de repetirse na vila eslovaca de Tisovec. O domingo pasado pola mañá escoitouse un trono espantoso e no medio da praza caeu do alto, como se fose un raio, un home en pelota. Ao contrario do que sucedeu na Manga, o espido foi visto por moita xente e máis tarde capturado polo propia policía. Parece que se trata dun húngaro. Con carné de identidade, a cousa carece de interese. Como se Deus se lle aparecese a un americano e este o gravase en vídeo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de maio de 1993.