La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Primeiro puxérono nun carro e paseárono pola cidade. Despois cortáronlle a man dereita e logo, cunhas tenazas de ferro ardendo, arrincáronlle unha teta, depois sacáronlle un ollo, e despois cortáronlle a outra man, e logo sacáronlle o outro ollo, e logo a outra teta, e logo o nariz, e odo o corpo llo foron abocando os ferreiros coas referidas tenazas, e fóronlle cortando os pés e cando acabaron con el, aínda lle sacaron o corazón polas costas e botárono fóra da cidade, onde o apedrearon antes de queimalo para aventar finalmente as cinsas. O desgrazado chamábase Juan de Cañamas.

O suceso é certo e está sacado da Crónica de Bernáldez, un dos historiadores de reinado dos Reis Católicos. Castigo tan cruel foille imposto a aquel infortunado porque quixo matar o rei Fernando. O día 7 de decembro de 1492, mentres este saía de presidir uns xuízos, cando se atopaba no último chanzo das escaleiras que daban á praza, foi atacado polo tal Cañamas, que lle largou unha coitelada salvaxe. Colleulle parte da cabeza, unha orella e o pescozo dun lado, deixándoo moi gravemente ferido, pero co ánimo dabondo para impedir que os gardas mataron o reicida frustrado.

Máis lle valera a este morrer no sitio, atravesado por cen puñais, antes de sufrir a terrible morte á cal o condenaron. De todas cantas se refiren en crónicas de outro tempo, este é unha das máis horripilantes que coñezo. O relato de Andrés Bernáldez, ademais, escrito na sinxela e viva prosa do cronista inocente que foi, resulta dunha plasticidade brutal. É de supoñer que este texto, fundamental para coñecer de primeira man os sucesos do reinado dos Reis Católicos, estea nas mans de quen teñen a responsabilidade da canonización daquel par de monarcas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de maio de 1991.