La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pasado, cando regresaba de Londres, despois de dar conta no avión dun deses pratos fríos que se comen máis por rutina que por ganas, decidín aproveitar o que quedaba de viaxe para fumar un puro pequeno, tamaño cigarro, ese pecado que tan ben presta á hora do café. Como un raio, unha das azafatas veume rifar coa contundencia e a seguridade de quen se sente amparada polo regulamento, feliz de ter tanta razón. Por suposto que apaguei o pito, pero facéndolle ver que podía estar equivocada.

O argumento que ela empregou para disuadirme foi que estaba permitido fumar cigarros, pero non puros. O caso é que na caixa de madeira onde eu levaba o obxecto do meu frustrado pracer, puña en letras ben visibles que o contido estaba formado precisamente polo tipo de tabaco que a azafata me dixo que se podía fumar.

A miña argumentación non serviu de nada, naturalmente. Así que me puxen a ler nun libro sen demasiado entusiasmo, disposto a pasar de calquera maneira a media hora longa que aínda quedaba de viaxe. Nun momento, vin a azafata que viña de fronte e mireina con cara de odio finxido, compoñendo un xesto de home ruín e rancoroso, esperando que lle caese a bandexa. Debeume saír tan mal o teatro que a rapaza se botou a rir. Menos mal que non tirou co café, pois seguro que me levaría un novo desgusto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de maio de 1994.