La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha viaxe que fixemos xuntos Joan Perucho e mais eu á Unión Soviética, hai anos, o escritor catalán, que é un home moi relixioso e que presume de ter unha pantasma na súa casa de  Albiñana, santiguábase tanto, o mesmo ao saír do hotel que ao subir aos avións, e entraba en tantas igrexas para acender velas a distintos santos, que os nosos anfitrións, quizais por deferencia hospitalaria cara a nós, fartáronse de levarnos a visitar templos, reliquias, incluído o corpo incorrupto dunha nena mártir de doce anos, ademais de organizarnos un encontro co arcebispo “katolikós” de Armenia nun seminario situado nunha vila próxima á cidade de Erevan.

Outra vez, estando en Nova York, Perucho chamoume por teléfono ao meu cuarto do hotel para dicirme que era hora de erguerse porque era domingo e había que ir á misa. Obedecín, aínda que eran as oito da mañá e eu levaba na cama catro horas. Presenteime no  comedor disposto a acompañar o meu amigo. Díxome que iriamos a San Patricio.

Cando chegamos, a catedral estaba abarrotada. Nin Perucho nin eu sabiamos que o oficiante ía ser o cardeal O’Connor, que agora acaba de morrer. Subiu as escaleiras do presbiterio correndo, en plan atleta, baixo unha salva de aplausos. Despois, durante a misa, fixo máis florituras, tanto que eu pensei que aquel home de aspecto saudable podería facer o pino ou dar o dobre salto mortal en calquera momento. Caeume simpático. O outro día, cando souben da súa morte, sorprendeume que tivese tantos anos. Non os aparentaba. Supoño que estará no ceo. Quizais facendo alí o que a súa alta dignidade lle impedía facer en Nova York. Eu imaxínoo no circo, talvez no alto do trapecio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de maio de 2000.