La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo se llo oín contar a alguén, quizais EduardoBlanco Amor, que sabía destas cousas, ou se, polo contrario, olin nalgún libro. Tanto ten; a historia é sinxela e tivo lugar en Granada, nos primeiros días da Guerra Civil. Estaba a familiade García Lorca reunida na casa, agoniados todos pola morte había pouco dun dos seus membros, fusilado uns días antes a consecuencia das ideas políticas que profesaba. De pronto irrompeu no interior unha panda de xente ruín e fanática, especies que con frecuencia se dan xuntas nunha soa peza.

O pai do poeta, un velliño educado e pulcro, enfrontouse aos bárbaros coa única forza da súa palabra, sempre correcto,quizais tamén firme. Entón, un deles, con toda seguridade o máis miserable de todos, adiantouse cara a aquel señor e, pegándolle un par de golpes no rostro, derrubouno no chan. Logo vería o resto da traxedia.

Naquela casa de campo acábase de abrir agora un museo dedicado a García Lorca. Nel poderanse contemplar fotografías e obxectos do escritor; evocar os tempos felices que pasou alí cos seus; recrear o ambiente onde transcorreron os últimosdías da súa vida… Calcúlase que será o lugar máis visitado de Granada despois da Alhambra. Estou seguro de que, estea onde estea o tipo aquel das labazadas, non poderá reprimir un sentimento de vergonza ao ver que tanta xente peregrina ácasa onde el lle bateu a un vello.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de maio de 1995.