La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Era como se estivese nun teatro de mimo. Sucedeume onte, mentres agardaba nun semáforo no barrio do Berbés, a primeira hora da mañá. Na beira da rúa, diante dun bar, un home forte, quizais algo gordo de máis, vestido cun xersei de color azul, estáballe contando algo a outro señor. Facíao con grandes movementos das mans, dun xeito tan gráfico que cheguei a pensar que podía ser un xordomudo. Non obstante, polo uso que facía da boca e dos labios, non tardei en decatarme de que isto último non era certo.

Estou seguro de que entendín perfectamente o contido da conversa. Tratábase, sen dúbida, da escenificación dunha pelexa dun individuo con outro, con navalla. O resultado debeu ser unha ferida no antebrazo esquerdo, pois nas tres ou catro veces que repetiu a historia, o narrador trazaba alí un corte longo e profundo.

Unhas horas máis tarde, mentres tomabamos un café preto daquel mesmo lugar, conteille isto a uns amigos. Non pretendía outra cousa que manifestar o meu entusiasmo pola capacidade expresiva daquel home para o mimo. Entón, un dos meus interlocutores preguntoume se o citado individuo levaba unha gorra azul caída para un lado. Non o podería xurar, pero pareceume que si. Sen inmutarse, aclaroume: “Ese é o Mioca, un tipo moi porco que traballa na descarga e que anda sempre rascando os piollos”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de maio de 1996.