La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, en Cuenca, despois de dar a conferencia no ciclo sobre novela contemporánea, antes de abandonar a sala, achegóuseme unha señora cun libro para que llo asinase.    Pregunteille o nome, pero díxome que abondaba con que lle puxese a miña firma, sen máis. Naturalmente, accedín ao seu desexo e fixen o que me pedía. Cando rematei, a señora colleu o libro, mirou o autógrafo e dixo espontánea: “¡Huy! ¡Que letrita más piojosa! ¡Seguro que duerme usted muy mal!”. Non me chamou a atención a primeira parte da frase, porque é certo, pero sorprendeume a conclusión. En todo caso, pareceume mellor iso que me dixese que era tacaño.

Sen darme tempo a responderlle, a señora, un pouco lareta e bastante terremoto, díxome que para durmir ben, o mellor remedio, en caso de que o sono se amose rebelde e non queira pousarse nos ollos, consiste en quentar un pouco leite e bebelo lentamente, sen respirar. En xeral, segundo me explicou, o resultado é excelente, aínda que ás veces hai persoas coas cales non funciona este método.

Nese caso, proseguiu, pódese percorrer a un baño, coa auga morna, e se un non ten ganas de encher bañeira, incluso é posible substituílo por unha ducha. Non parou aí a lista dos consellos, pois a señora proseguiu. Mentres, a un par de metros, agardaban os organizadores e un amigo meu para irmos cear xuntos. Como a cousa se prolongaba demasiado e a muller se dispuña naquel momento a explicarme un método basado na concentración mental, o meu amigo achegouse a nós, interrompeuna e díxolle: “Mire usted, no se esfuerce más: este señor duerme muy bien desde hace años”. Tiña razón. Non sei como non se me ocorreu a min.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de maio de 1998.