La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Vou seguir falando, tamén hoxe, de Pepe Suárez. Trátase xa dun empeño persoal, aínda que pequeno, contra o monstro do esquecemento. Recordo agora os xantares que tiñamos, todos os días, nun restaurante da rúa Cardenal Quiroga de Ourense, aos que asistía ás veces Eduardo Blanco Amor. En xeral, resultaban amenos e agradables, sobre todo para min, que era aínda case un rapaz. Pepe contaba historias da tertulia que se facía na súa librería El Yelmo de Mambrino, en Uruguai. Por exemplo, narraba con extraordinario talento cómico o accidente que sufriu un día unha poetisa nativa, á cal lle caeu a saia ao dar unha volta para amosarlla as seus amigos.

Eduardo ría pouco as grazas de Pepe e Pepe tampouco ría moito as ocorrencias de Eduardo. Tirábanse chinas constantemente, coma se fosen dous rapaces. Sobre as causas da antipatía mutua nunca conseguín averiguar demasiado, a non ser que un día, un díxome do outro que era un parvenu, en francés moi ben pronunciado, e o así nomeado confesoume que o contrario resultaba insoportable.

Pois nin un nin o outro eran daquela maneira. Certamente ningún deles tiña unha personalidade fácil, pois ambos os dous pisaban forte, cada un na súa parcela, pero postos por separado, podíase dicir que resultaban xente agradable, especialmente Pepe Suárez, que cando non explotaba, comportábase como un gran señor, atento, cariñoso e elegante. Sempre lle agradecín que, cando casei, a pesar do moito que despotricou contra min antes da voda, xurando e perxurando que el nunca entraría nunha igrexa, acabou  entrando, escondido detrás dun confesonario. Logo incluso me deu un abrazo, iso si, protestando: “Aínda me has levar ao inferno”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de maio de 1999.