La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos tiven unha veciña, simpática e charlatana, á cal lle gustaba falar con orgullo, máis por incontinencia verbal que por presunción de clase, dun pasado familiar mítico, no que o centro da lenda estaba ocupadado pola figura estilizada dun avó de porte aristocrático, lector vicioso dos grandes novelistas franceses do século XIX, bo cazador de perdices e magnífico contador de contos de bandidos e asaltadores de casas reitorais ourensás, todos inventados por el. De profesión, o señor era médico de aldea.

Naquela noite tétrica de setembro de 1975, cando se confirmaron as sentenzas de morte que levaron ao paredón as últimas vítimas do franquismo, mentres o grupo de amigos comentabamos o suceso, aquela muller fixo o eloxio definitivo do seu avó: durante a guerra non matara un criado da casa, a pesar de que era comunista.

Dificilmente se pode dar unha definición máis estúpida da bondade. Da mesma maneira que non parece fácil mellorar o que acaba de dicir sobre o racismo un tendeiro desa vila catalá onde estes días hai polémica a causa dun neno negro que non foi admitido nunha escola. Dixo o tal individuo que os habitantes do lugar non son racistas, pero que ultimamente se ven demasiados negros pola rúa. Detrás dos mellores sentimentos, sempre acaba aparecendo a realidade material e impecable dos números.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de maio de 1994.