La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non me acordo como se chamaba un cura que gobernaba unha parroquia preto de Xinzo de Limia, sendo eu rapaz, e que era tan pequeno que para dicir misa tiña que subirse no alto dun caixón. Estouno vendo nas feiras do catorce e o vinte e sete, montado nun cabalo de forte alzada, con cara de neno asustado, coma se temese o momento difícil, máis cómico que propiamente arriscado, de ter que baixar. A cara era de boa persoa, cun punto de inocencia na mirada, e o porte máis ben tímido, coa expresión humilde de quen vive pedindo perdón.

Custáralle conseguir as ordes. A Igrexa católica ten normas moi precisas respecto das causas que poden impedir o acceso ao sacerdocio. Unha delas, a fealdade, no caso de que esta sexa do tipo que se chama monstruosa; outra, a estatura. Ignoro se esta última está regulada nos detalles, é dicir, por centímetros, como sucede na vida militar, ou se depende máis ben da apreciación da autoridade.

Non deben ser regras que se teñan aplicado con excesiva rixidez, polo menos se un xulga, tanto no caso da fealdade como no da estatura, polas cousas que se ven por aí. Neste aspecto, a caridade supera o dereito, como manda o Evanxeo. Non ocorre así na vida civil, como proba a historia dese deputado valenciano que acaba de ser apeado das listas do seu partido por pequeno. Segundo el mesmo explicou, trátase dunha cuestión de estética. Pois se de estética se trata, xa podería o citado señor darse de baixa dun partido tan horrible.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de abril de 1993.