La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días pasados, cando falei aquí dalgúns escritores golfos de antes da guerra, ao recordar ao tunante de Pedro Luis de Gálvez, non citei nin a Antón del Olmet nin a Vidal y Planas, tan unidos a el. Os tres traballaban xuntos nun periódico ruín, dedicado a facer chantaxe. O director da publicación, o citado Olmet, un aristócrata de orixe sevillana con pinta de boi, vivía diso. O seu teatro de operacións estaba no Congreso dos Deputados, onde arrapañaba diñeiro a cambio de favores ou ameazando con escándalos.

Un dos cronistas máis fieis daquela época, Rafael Cansinos Assens, ten contado que este personaxe metía medo polo aspecto, unha mestura de forza física, arrogancia de señorito e aire diabólico. Ao pobre de Vidal y Planas, a quen tiña de redactor, humillábao ata o extremo de collelo polas solapas e colgalo da ventá.

Gozaba da consideración de irresistible coas mulleres, unha sona que el mesmo cultivaba. Polo demais, caía bastante mal e non contaba con verdadeiros amigos, aínda que moitos o adulaban. Como escritor, foi máis ben mediocre. Publicou algunhas novelas, unha delas de título salvaxe: Robarás, matarás… Roubar, roubou o seu, aínda que fose por procedementos aparentemente legais. Polo que respecta a matar, el foi a vítima. Un día, o toliño de Vidal y Planas, farto de que pisase por el, colleu a pistola e liquidouno.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de marzo de 1996.