La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día falabamos aquí do aspecto insignificante que tiña Hitler, o cal fixo pensar a Klaus Mann que un individuo tan ridículo como aquel nunca chegaría a ser un ictador importante. Hoxe imos falar do aspecto de Stalin, aínda que non será necesario adiantar que neste caso os calificativos nada teñen que ver cos que tan apropiadamente lle conviñan ao antigo cabo alemán inventor do nazismo. O que menos inspiraba o amo todo poderoso do Kremlin esa sentementos de desprezo. Todos cantos o coñeceron e puideron dicir libremente como era, máis ben falan do medo que producía, aínda que se tratara de persoas que non tiñan ningún motivo para sentirse ameazadas.

No ano 1924, ou quizais un pouco máis tarde, Stalin invitou no Kremlin a tres grandes poetas rusos, nada menos que Maiakovski, Essenin e Pasternak. Quería falar con eles da poesía e os poetas de Xeorxia, terra de orixe do dictador, quizais para convencelos da importancia que tiña a literatura do seu país, o cal non lle impediría uns anos máis tarde exterminar a algúns dos máis célebres cultivadores, entre eles o famoso Titian Tabidzé. Tameén falou da obra dos incitados, a quen lles vaticinou un glorioso porvir como bardos do seu tempo. Pasternak correspondeu ao anfitrión  cun poema épico. Sen embargo, Pasternak ten contado a impresión que lle causou Stalain nesa visita.

Cando o viu saír da penumbra, pareceulle que un cangrexo se ía achegando a el. Despois decatouse de que tiña a cara amarela e que estaba picado de vixigas, Por último pareceulle un cágado, desmesuradamente ancho, que facía pensar nun neno  de doce anos pola estatura, pero que tiña grosa cara de vello. A pesar de que nesa época, Pasternak estaba integrado na sociedade oficial soviética e que era convidade de honor ao mesmo Kremlin, dixo que aquel fora o home máis terrorífico que tiña visto na súa vida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de marzo de 1992.