La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha fría noite de febreiro do ano 1986, mentres ceaba cuns amigos nun restaurante, recibín unha chamada telefónica dun dos meus fillos. O neno, chorando desconsoladamente, díxome que acababan de matar a Olof Palme, o primeiro ministro sueco. Nese instante veume á cabeza o nome de Lars Tingström, un individuo aloucado pero intelixente, famoso en Suecia porque tiña xurado matar o xefe do goberno. Daquela, eu non sabía que este señor estaba en prisión e que polo tanto non podía ser o asasino.

Durante o xuízo, que seguín en directo pola televisión sueca,  o procesado foi un tal Christer Pettersson, metade malvado e metade bobo, alcohólico, que acababa de cumprir condena por matar un señor cunha baioneta só porque lle dera un empurrón involuntario na rúa. No cárcere, este tipo compartiu cela con Lars Tingström.

Nunca entendín que o tribunal absolvese a Pettersson: todas as probas estaban contra el, a non ser o revólver, que nunca apareceu. Desde entón, construíronse centos de hipóteses sobre o crime. Agora, o avogado de Tingström di que este, antes de morrer, lle deixou un sobre que contén o nome do asasino e o lugar onde se encontra a arma. Haberá que esperar, pero aposto cen contra nada a que se trata de Pettersson, o seu compañeiro de cárcere. Se fose así, Tingström tería cometido, sen dúbida, un crime perfecto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de marzo de 1997.