La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Weimar, durante anos, cando ía bo tempo, Goethe adoitaba subir polas tardes ata o altiño de Ettersberg, un lugar apartado e tranquilo, desde onde podía contemplar en silencio a paisaxe espléndida de Turinxia. Había naquel outeiro un carballo á sombra do cal se sentaba a descansar ou falar con Johann Peter Eckerman, o amigo que se acabaría facendo famoso en todo o mundo ao publicar as súas celebres conversas co escritor. Segundo Eckermann, debaixo daquela árbore, un día Goethe díxolle: “Un séntese aquí grande e feliz”.

No ano 1937, cando as autoridades alemás acordaron construír naquel mesmo lugar un dos máis tétricos campos de concentración dos que a humanidade ten memoria, Buchenwald, os nazis decidiron salvar o carballo de Goethe, para o cal publicaron un decreto especial, que ordenaba rodealo cun valo protector. Así estivo ata 1945, cando unha bomba americana o destruíu.

Antes de que isto sucedese, debaixo da súa frondosa copa ben ateigada de follas descansaba tamén ás veces aquel monstro feminino que pasou á historia co nome de A bruxa de Buchenwald, a terrible Isla Koch. Esta señora, que fora bibliotecaria de profesión, declarábase admiradora de Goethe e confesaba a emoción que lle producía sentarse a ler ao pé daquela árbore. Era tanta a paixón que sentía polos libros, que os encadernaba coa pel que lles arrincaba ás súas vítimas. Entre os nazis houbo tamén xente moi culta e refinada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de marzo de 1993.