La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eses días de aí atrás, cando estiven en Nova York, os meus compañeiros de viaxe, nada máis pisar terra na cidade, botáronse ansiosamente a buscar por boticas e tendas a melatonina, esas píldoras que non sei ben para que serven, pero que toma todo o mundo. Eu nunca oíra falar de tal cousa, de maneira que me tiveron que explicar en que consistía, aínda que ninguén sabía demasiado. O caso é que onte, neste mesmo periódico, atopeime cunha reportaxe sobre o citado produto, que en España se vende con trampa.

A muller de Joan Perucho tomou as famosas pastillas para durmir, porque tiña o sono cambiado, e díxome que lle fixeran un efecto fenomenal. O curioso é que, cando volviamos, xa no aeroporto, queixouse de que estaba cansa e que prefería sentirse máis espabilada, a fin de ver a película. Recomendáronlle tamén melatonina.

Trátase dunha medicina para todo. A min recórdame aquel fungo ou “hongo”, como se chamaba en castelán, que había despois da guerra en todas as casas e que curaba a tuberculose ou as anemias da fame, ademais de que actuaba como vitamina. Eu aínda tomei algunhas copiñas daquel líquido noxento; non fun capaz, en cambio, de tomar unha cápsula desa nova cousa americana. Estes remedios, convertidos en industria, máis que un milagre parecen un negocio. As cousas do ceo nunca veñen en pastillas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de marzo de 1996.