La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo escultor acaba de vivir unha curiosa experiencia cun cliente a quen un grupo de persoas agradecidas decidiron facerlle unha estatua. Pero tamén unha historia quizais non tan rara, despois de todo. No primeiro encontro, o modelo pasou todo o tempo protestando do absurdo da situación en que se atopaga. Consideraba o cliente que a homenaxe que lle querían rendir era excesiva, sobre todo tratándose dunha persoa humilde como el.

Que se pasara a vida axundando aos demais non xustificaba que o quixesen inmortalizar daquela maneira, colocando a súa efixie no medio dunha praza da cidade onde residira a maior parte da súa vida.

Na segunda ocasión as cousas transcurriron de xeito plácido, en animada conversa entre o artista e o seu modelo. Este último descubriu que as horas que pasara no estudio ata entón  lle empezaban a resultar agradables. Ainda que, como confesou, en principio non  lle prestaba demasiada atención ao traballo do escultor. Desta maneira, en pouco tempo acabaron collendo confianza. De xeito que na terceira sesión ambos os dous estaban xa relaxados e soltos, sen a rixidez embarazosa que os coutaba os primeiros días.

Foi entón cando o modelo empezou a fixarse na cabeza que lle estaban facendo. Con certa timidez dixo que as orellas non lle gustaban, pois eran demasiado grandes. Outro día protestou por unha enrugas que o artista lle colocaba debaixo do pescozo. Tampouco lle fixo gracia que lle puxera un pelo tan escaso, tendo en conta que de novo tievera unha abundante cabeleira. Así día tras día. Ao final, corrixidos todos os defectos e mellorado notablemente o orixinal, o esculpido engadiu unha última observación: postos a facer as cousas en serio, a estatua resultaba demasiado pequena.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de febreiro de 1991.