La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un grupo de amigos trataron de convencerme onte pola tarde de que me viría moi ben montar a cabalo. Todos eles son afeccionados, eu diría que incluso devotos da equitación. A maior parte dos argumentos que me deron foron, con excepción dun par deles, de tipo práctico. Dixéronme, por exemplo, que se trata dun excelente exercicio de tipo físico, cousa que eu xa sabía porque as tres ou catro veces que montei na miña vida acabei con maniotas, esa dor muscular en forma de agullas que mortifica o corpo ao día seguinte, despois dunha sesión deportiva. Non me convenceu demasiado por razóns que son fáciles de entender.

É, segundo diría o meu amigo Fernando Savater, como se tratasen de espertar nun a afección ás carreiras de coches lendo as páxinas de sucesos dos periódicos. Tampouco me pareceu un argumento convincente o de que un paseo a cabalo relaxa. Talvez, pero non máis que durmir a sesta, escoitar música ou pasar un par de horas de tertulia.

Para os que temos un escaso sentido práctico, esa clase de argumentacións, polo menos no meu caso particular, equivocan o branco. A miña nai sempre dicía que a min me perdían as  cousas (e as persoas) máis pola estética que pola utilidade. Supoño que o dixo porque un día merquei uns zapatos preciosos, pero feitos dun material parecido ao cartón, que me duraron o tempo de dúas chuvias. Polo tanto, o único que me podía levar a converterme en xinete sería a magnífica estampa do cabalo. O que pasa é que, postos a elixir unha forma nobre de paseo, paréceme menos perigoso andar con bastón. Non o fago porque me parece pedante. E tampouco se trata de quedar coxo para ter unha xustificación.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de febreiro de 2000.